Saturday 18 de May de 2024

O PSOE denuncia o “absoluto colapso” das urxencias sanitarias e demándalle solucións a Rueda


Para os socialistas este colapso das urxencias é unha mostra da xestión de Alfonso Rueda desde a Xunta: “as persoas están a padecer todos os retallos do PP que provocan que a falta de médicos e profesionais na Atención Primaria colapsen as urxencias”.

Nos últimos días fixéronse constantes as denuncias polo colapso das urxencias sanitarias. Este mércores, segundo facía público a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, había ata 40 pacientes graves nos corredores sen posibilidade de acceder a unha sala de atención. Unha situación que desde o Partido Socialista en Santiago achacan á xestión da Xunta do Partido Popular en materia sanitaria: “esas persoas están a padecer todos os retallos do Partido Popular que provocan que, ante a falta de médicos e profesionais sanitarios na Atención Primaria, se colapsen as urxencias”.

Aitor Bouza denunciou que esta é unha “nova mostra da xestión” do Partido Popular “a través dun caos na atención sanitaria”. Recorda o secretario xeral dos socialistas en Santiago que se trata dun servizo moi importante e dun “dereito básico” polo que esíxelle ao presidente da Xunta “que poña unha solución a este gran problema que asola a nosa cidade”.

“Nós cremos e demandamos firmemente que Santiago merece ter un sistema sanitario de calidade na Atención Primaria para que despois non derive nun caos das urxencias sanitarias” recalcou Bouza que, incidiu ademais, en que é necesario “poñerlle fin a este goberno do Partido Popular” que “négalle á nosa cidade e á cidadanía galega un sistema sanitario de calidade”.